–Lugar: Xesteda.
–Parroquia: Santa Comba de Xesteda.
–Denominación: Igrexa parroquial de Santa Comba de Xesteda.
–Cronoloxía: Século XVII.
Trátase dun templo no que predominan os elementos barrocos, aínda que é sabido que a súa orixe é románica.
Presenta unha planta rectangular cunha soa nave, que na cabeceira se reduce en anchura, dando paso, a través dun arco triunfal, ao presbiterio, cuberto por bóveda de canón, e á sancristía. Os muros de carga son de cantería e a cuberta a dúas augas con cimbros de formigón e cubrición de tella curva.
Cómpre salientar a fachada, que presenta, dispostos de xeito axial, a porta, unha fornela que acolle á santa titular, un óculo cerrado con estruturas de aluminio e unha espadana composta por dous arcos con pequena balaustrada e remate en peita.
Encóntrase nunha zona rural, rodeada dun arboredo cun cruceiro no medio do campo da romaría. O seu estado de conservación é bo xa que foi remodelada a principios dos anos oitenta. Na restauración atopáronse algúns restos de orixe medieval, como unhas lousas nas que aparecía labrado o nome do señor feudal que financiou a construción do templo.