–Lugar: Queixas.
–Parroquia: Santa María de Queixas.
–Denominación: Igrexa parroquial de Santa María de Queixas.
–Estilo: Barroco.
Templo rural dunha soa nave á que se abren dúas pequenas capelas laterais que lle confiren ao conxunto un aspecto cruciforme. Tanto a nave como as capelas aparecen cubertas por unha bóveda de canón, así como a sancristía, situada inmediatamente despois do altar maior. Este último cóbrese cunha cúpula de media laranxa sobre pendentes, que no exterior se traduce nunha estrutura cuadrangular coroada por pináculos nas esquinas e na parte central. O resultado externo da conxugación de todos estes é un xogo de volumes cúbicos. Os materiais empregados son a cantería de gran e a tella curva.
A fachada principal, aínda que sinxela, constitúe a parte máis decorativa do exterior. Nela, e nun mesmo eixo vertical central, sitúanse a porta e un van, ambos rectangulares e desprovistos de elementos decorativos, unha fornela coa imaxe da virxe e unha espadana de dous arcos rematada nun frontón curvo. No interior cómpre salientar a existencia de pinturas murais na cúpula, coa representación da bóveda celeste, ademais da presenza dun retablo pétreo coa Inmaculada no pano central, flanqueada por catro columnas con capitel clásico e o ático rematado nun cornixamento curvo.