O Adro é un diminuto casco historico ubicado na parroquia de San Martiño de Rodís. A aldea está construída nunha elevación que, como ben indica a microtoponimia próxima, acolleu un castro (A Croa). Hoxe é un núcleo conformado por pouco máis de media ducia de inmobles que miran a unha igrexa parroquial que, ademais de por conservar elementos románicos, destaca polo campanario barroco e por unha fachada de aires neoclásicos. No interior do templo, canda un fermoso retablo, pódense admirar pinturas murais de principios do século XVI.
A carón do edificio relixioso atopamos dous sartegos antropomorfos de orixe altomedieval e a espectacular tapa dun deles, que xa na década de 1960 chamou a atención do antropólogo dinamarqués Gustav Henningsen. Cabo do fermoso adro de pedra que garda o recinto relixioso aparece unha sucesión de oliveiras centenarias. Tamén moi preto está un humilde, pero ben interesante, edificio de pedra que ao longo do século XIX e boa parte do XX albergou a primeira escola pública.