–Lugar: Central de lignitos de Meirama.
–Parroquia: Santo André de Meirama.
–Denominación: Pazo de Gontón.
–Cronoloxía: Século XVII.
–Estilo: Barroco.
Non ocupa o seu emprazamento orixinal xa que foi trasladado, hai poucos anos, desde a parroquia de San Román das Encrobas ata unha leira propiedade da empresa “Lignitos de Meirama”. Foi grazas á iniciativa da devandita empresa o que fixo que a construción non desaparecera, xa que o avanzado estado de abandono no que se atopaba, xunto coas especiais características do terreo, ameazaban unha ruína difícil de recuperar.
Neste senso a idea foi a de trasladalo pedra a pedra como ocorrera coa igrexa de San Román das Encrobas, mantendo a traza primitiva do pazo tanto na planta como na imaxe exterior, pero adaptándose no interior ás novas funcións que na actualidade mantén. Así, o que eran cuartos, salóns ou a cociña convertéronse en oficinas, despachos e salas de reunións, pero tendo presente desde o principio ao remate do proxecto que en esencia foi unha construción palaciana.
A planta, de traza rectangular, desdóbrase en dous coxías, o que reflicte dúas diferentes épocas de construción. Foi modificada interiormente na súa totalidade, pero conservou na rehabilitación elementos tan significativos como a lareira, o forno ou xanelas con parladoiros.
No que se refire ao aspecto exterior do edificio cabe destacar a presenza do patín disposto na fachada principal, dun tramo e con peitoril macizo de cantería. Esta escaleira descarga nunha pequena solaina froito da prolongación da cuberta, que é sostida con dous piares de cantería.
A rehabilitación fixo que se regularizara a disposición de ocos na planta principal ou nobre, que orixinalmente se colocaban de xeito arbitrario. O granito segue a ser o material empregado tanto nos elementos estruturais como nos decorativos, isto é, chemineas, cornixas ou brasóns.
-NOTAS:
-A torre, que foi un foco de conflito que levou a Martín Becerra, da “casa de Nebra”, a preitear co concello da Coruña pola súa altura en 1395, xa non existe.
-Destaca a escaleira de entrada ao primeiro piso e un escudo; neste pódense ver os oito becerros da liñaxe dos Becerra.
-O naturalista galego Víctor López Seine estivo casado con Francisca Riobó Álvarez, dona desta casa.