Na parroquia de Cerceda, a pouco máis dun quilómetro da capital municipal, en dirección á cidade da Coruña atopamos o Pazo de Lavandeiras. Esta casa é un bo exemplo do poder da fidalguía local. O inmoble que data de finais do século XVII, está rodeado dun amplo terreo de máis de sete mil metros cadrados e conta con capela, hórreo, pombal circular e alprendes, que dan boa conta da potencia agraria doutrora.
A residencia, de planta rectangular e muros de cachotería, estivo vinculada nun primeiro momento á influínte liñaxe local dos Becerra. Na súa fachada destaca unha elegante solaina e o escudo de armas familiar. Aínda que é unha residencia privada, dende a pista pública exterior o viaxeiro pode contemplar a maxestosidade de boa parte do edificio.