O municipio de Cerceda ocupa o centro dun gran triángulo imaxinario onde os vértices serían A Coruña, Santiago de Compostela e Carballo. Benefíciase así dunha situación xeográfica privilexiada que lle permite establecer cómodas comunicacións coas principais cidades de Galicia e gozar da diversidade de paisaxe que configuran os seus ríos, como o Barcés ou o Lengüelle.
Esta paisaxe, testemuña viva da historia, garda segredos do pasado que pouco a pouco imos descubrindo, como é o caso dun torque atopado nun antigo sepulcro, así como numerosos restos castrexos e medievais que se mesturan cos pazos, igrexas románicas e cruceiros que ennobrecen cada parroquia e cada recanto.
O Parque Acuático, o Xardín Botánico e as rutas de sendeirismo, que se puxeron en marcha neste pobo, fixeron deste unha atracción turística que complementa o seu rico patrimonio cultural e natural, converténdoo así nun auténtico paraíso para os e as que saben descubrir a aventura máis próxima.
Os grandes protagonistas da natureza de Cerceda son os ríos, que percorren a súa xeografía creando sinuosos vales cheos de verdor. Sobre estas correntes de auga destacan montañas de redondeados cumios con dous picos de gran relevancia pola súa altura ( Monte Xalo e Monte do Castelo ) nos que atoparemos cadanseus miradoiros que deixan apreciar unhas marabillosas vistas de Cerceda. O resto do territorio acolle unha mestura de plantíos, pasteiros e arboredos.
Os/as excursionistas, en coche, a pé ou en bicicleta, atoparán a cada paso verdes recunchos nos que a natureza mostra todo o seu esplendor, así como preciosos exemplos de arquitectura popular.