SITUACIÓN XEOGRÁFICA
O Concello de Mesía está situado no centro oeste de Galicia e ao leste da provincia da Coruña. Linda cos concellos de Frades, Boimorto, Curtis, Vilasantar, Cesuras, Abegondo, Ordes e Carral.
A súa situación xeográfica é latitude 43º 06’8 norte e lonxitude 8º 14’5 oeste.
Polo extremo suroeste é atravesado pola estrada comarcal AC-524 que une o concello coa capital comarcal e pola AC-223 (As Travesas-Xanceda) que atravesa gran parte do concello pola súa zona centro e que o une coa estrada das Travesas.
Tamén cabe nomear que a AP-9 cruza o municipio nun tramo na parroquia de Visantoña.
A capital municipal é Xanceda, que dista de Santiago 42 km, 46 km da Coruña e 16 km de Ordes.
En canto á descrición xeográfica, Mesía ten unha altitude media de 400 m sobre o nivel do mar e aínda que a uniformidade topográfica rexe o concello, a parte setentrional amósase máis accidentada.
Como cotas máis altas podemos atopar Picoi (546 m), Cova (488 m), Teixoeiras (427 m), Rozamonde (462 m) ou Montouto (542 m).
O curso fluvial máis importante con respecto ao seu caudal é o río Tambre, que pasa pola parroquia de Castro. Os máis importantes en canto a tramos percorridos no concello son o Samo e o Maruzo, que son afluentes do anterior.
O Samo nace en Picoi, nos montes da Tieira, e percorre o concello pola súa parte setentrional formando ocasionalmente fronteira natural co concello de Frades.