Escudo de Ordes (A Coruña)

Concello de Ordes

Historia

Durante a Idade Media a maioría dos municipios que compoñen a comarca pertenceron ao antigo Condado de Trastámara.
O castelo de Mesía, construído no século XII, é un claro exemplo do discorrer da historia. No ano 1467 pertencía a Gómez Pérez das Mariñas, e foi destruído nas revoltas irmandiñas. Tras quedar abandonado faise con el o arcebispo Alonso de Fonseca. Os cabaleiros galegos, coligados, derrotaron na batalla de Altamira ás forzas episcopais e tomaron o castelo. Posteriormente volveu pertencer a Mitra, que en 1523 aínda estaba na súa pacífica posesión.
Nos tempos do antigo réxime, o agora Concello de Ordes tiña as súas parroquias distribuídas entre as xurisdicións de Mesía e Folgoso e o couto redondo de Faramilláns, na provincia de Santiago.

Os primeiros concellos constitucionais.
Neste período, e no que hoxe é o concello de Ordes e o seu termo, figuran dous concellos constitucionais, Poulo e Folgoso, que pertencen os dous ao partido de Poulo.
Os dous concellos de Poulo e Folgoso seguen dependendo do partido de Poulo cando se fai a comezos de 1822 a división de Galicia en catro provincias.

A división municipal do RD do 23 de xullo de 1835.
Cando se fai a modificación da división xudicial no ano 1834, o partido xudicial de Poulo pasa a chamarse de Ordes. Co RD do 23 de xullo de 1835 dáselle un forte empurrón á formación de concellos na provincia da Coruña. Este proxecto é publicado no BOPCO, núm. 117, do 27 de abril de 1836, e nel aparece o concello de Ordes, cunha parroquia menos das que logo terá.
O proxecto foi levado á sesión da Deputación da Coruña, do 6 de xuño de 1836, e nela foi modificado pasando a formar parte do concello de Ordes a parroquia de San Pedro de Ardemil.
No ano 1836 o Concello de Ordes tiña unha superficie de 160,1 km² e unha poboación de 4.190 habitantes, que pasaron a ser 7.260 no ano 1900; 8.205 no ano 1930; 10.450 no ano 1950; 11.676 no ano 1986 e 12.431 na actualidade.

Adscricións.
Nos tempos do antigo réxime pertencía á provincia de Santiago. Ao promulgarse a Constitución de 1812, pasa a integrarse na provincia única de Galicia. Despois da división territorial acordada entre o 27 de xaneiro de 1822 e o 30 de novembro de 1833, Ordes queda adscrito á provincia nova da Coruña. Ao facerse a distribución de Galicia en partidos xudiciais, feita pola Deputación o 3 de marzo de 1820, o termo de Ordes pasa a formar parte do partido xudicial de Poulo. Ordes pasa a ser capital do partido xudicial do seu nome tras a reforma levada a cabo coa publicación do RD de 21 de abril de 1834. Esta situación mantense ata o Decreto 3388/1965 do 11 de novembro, que disolve o partido xudicial, pasando a formar parte do partido xudicial de Santiago. Na actualidade, coa nova Lei 38/1988, de 28 de decembro, volve ser reposto o partido xudicial de Ordes, que ten a Ordes como capital.

Situación

Está situado estratexicamente a medio camiño entra A Coruña e Santiago de Compostela.

A superficie é de 158 km²  e a poboación é de 13.000 habitantes repartidos nas 13 parroquias que conforman o Concello: Ardemil (San Pedro), Barbeiros (Santa María), Beán (Santa María), Buscás (San Paio), Leira (Santa María), Lesta (Santo André), Mercurín (San Clemente), Ordes (Santa María), Parada (Santa Mariña), Pereira (Santaia), Poulo (San Xulián), Santa Cruz de Montaos (Santa Cruz), e Vilamaior (Santiago).

O pobo está atravesado de norte a sur pola estrada N-550 que une A Coruña con Tui. Tamén cruza o Concello a autoestrada AP-9. A distancia coas principais cidades de Galicia por estrada é:

  • A Coruña: 34 km.

  • Ferrol: 63 km.

  • Lugo: 84 km.

  • Ourense: 119 km.

  • Pontevedra: 81 km.

  • Santiago de Compostela: 24 km.

  • Vigo: 107 km.

Imaxes do Concello

Datos do Concello

Redes Sociais

Situación do Concello

Travelers' Map is loading...
If you see this after your page is loaded completely, leafletJS files are missing.

Concellos Mancomunados

Scroll to Top