Aquí apareceu, facendo de perpiaño no arco de entrada ao presbiterio, unha pedra cunha inscrición do século X. Nela alúdese á fundación dunha basílica e da casa de San Xulián. Está datada no ano 969 e talvez se refira a un primitivo templo.
A Igrexa de San Xulián sitúase nunha parcela pechada, formando conxunto co cemiterio e illada do resto de edificacións. É de planta rectangular cun pequeno espazo cuadrangular engadido nun extremo da cabeceira. No alzado pódense diferenciar dous volumes, un máis elevado correspondente ao presbiterio, con cuberta a catro augas no testeiro, e a nave, con cuberta a dobre vertente, mostrando, así, un xogo de volumes característico deste tipo de construcións.
Os materiais construtivos empregados son a cachotería revocada e a cantería en esquinas e arredor dos vans; como cubrición, utilízase a tella curva.