A Mancomunidade de Ordes inicia en seis concellos a terceira edición do programa “Ter (en) conta”

A terceira edición do programa Ter (en) Conta deu comezo esta semana nos seis concellos que forman parte da Mancomunidade de Ordes: Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso e Tordoia. Esta
iniciativa, organizada pola Mancomunidade a través do Centro de Información á Muller (CIM), ten como obxectivo principal mellorar a situación persoal, social e laboral das mulleres, especialmente das que se atopan en situación de vulnerabilidade.

A primeira sesión do programa centrouse no autocoñecemento, abordando tres vías fundamentais para que as participantes poidan acadar unha maior conexión consigo mesmas: a reflexión sobre as propias fortalezas e debilidades, a escoita activa ao corpo e ás emocións, e a clarificación de desexos e necesidades.

Este primeiro obradoiro puxo en valor o dereito das mulleres coidadoras a dispoñer de tempos e espazos propios, así como a importancia de tomar conciencia dos aspectos comúns que as unen
como grupo, favorecendo así a súa cohesión e o apoio mutuo.

O programa Ter (en) Conta está cofinanciado pola Xunta de Galicia e a Unión Europea, no marco do Programa FSE+ Galicia 2021–2027, cuxo obxectivo é previr a violencia de xénero e mellorar a situación das súas vítimas, así como das mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

Scroll to Top