A Mancomunidade programa un curso de defensa persoal femenina para o 13 de decembro

A Mancomunidade de Ordes a través do Centro de Información á Muller, acolle un novo curso de defensa persoal feminina organizado pola Consellería de Política Social e Igualdade, a través da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, no marco do Acordo de Colaboración asinado entre este departamento e a Federación galega de Municipios e Provincias de Galicia para a conformación dunha Rede de entidades locais contra a violencia de xénero.

A finalidade do curso é que as participantes adquiran ferramentas suficientes para sentirse seguras nunha situación de risco en calquera ámbito da súa vida.

Explicaranse contidos psicolóxicos relacionados coa muller que sofre o ataque e co atacante, sobre o Código Penal, así como sobre o control da respiración, a observación, a valoración, a estratexia e as técnicas de defensa ante unha situación de violencia.

Tamén se abordarán formas para evitar o enfrontamento físico nun ataque e, para os casos nos que non sexa posible, ensinaranse técnicas defensivas: agarre do pelo, ataque con arma branca, etc.

A formación terá unha parte teórica e outra práctica que se darán en conxunto de forma que a formación sexa dinámica.

O curso está dirixido a mulleres maiores de 16 anos (para menores de idade é necesario achegar autorización da nai/pai/titor/a).

A acción terá lugar o sábado, 13 de decembro de 2025,  no Ximnasio do Campomaior en horario de 9:30 a 14 e de 15 a 18:30 h. A actividade é gratuíta.

Para máis información ou para realizar a inscrición pódese contactar co CIM: Rúa Alfonso Senra, 106, 2º A, 15680 Ordes; cim@mancomunidadeordes.gal; 981 682 108.

A inscrición tamén se pode realizar no seguinte enlace: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLScYkShMvIpxO2QIB3PBqZa6b2h6NDroaVG6Y398OgYHUFU7Hw/viewform?usp=dialog

Scroll to Top