- A través desta iniciativa, que tamén se celebrará no resto de Concellos integrantes, búscase promover o patrimonio da comarca.
- A actividade inaugural deste domingo constará dun itinerario por algúns dos enclaves máis sinalados de Frades e unha degustación de produtos locais.
- As persoas interesadas en participar poderán inscribirse de balde ata o vindeiro venres, 25 de novembro, en info@viaxesalumar.com ou chamando ao 678 776 951.
A Mancomunidade de Municipios da Comunidade de Ordes inicia en Frades ‘Os lugares do paraíso’, o seu ciclo de visitas guiadas polos municipios da comarca cos que busca promover o patrimonio cultural, natural, arquitectónico e gastronómico dos mesmos a través da celebración dunha serie de rutas por cada un deles.
A actividade inicial dará comezo este domingo, 27 de novembro, ás 09.30 horas coa saída en bus desde a rúa Entreparques, en Ordes, aínda que as persoas asistentes deberán estar vinte minutos antes para acreditarse e asinar as autorizacións pertinentes. O regreso a Ordes está previsto para as 14.30 horas.
Unha vez en Frades, a programación inclúe unha parada inicial no Pazo de Galegos, un edificio datado do s. XVII no que se hospedou, Mariana de Neoburgo, consorte do monarca Carlos II.
A continuación, visitarase a Fraga do Petón, coñecida popularmente como o ‘Bosque Animado’ de Frades, onde destaca a igrexa de San Matiño, unha construción barroca do s. XVIII que integra na súa contorna sepulturas de gran singularidade.
Logo desta parada, o seguinte punto da ruta será a parroquia de Gafoi, coñecida polo seu patrimonio arquitectónico no que destaca o templo románico de Santa Mariña, un dos edificios máis antigos do municipio, e O Alto, onde se asentan os restos do Castro da Carballeira, un antigo asentamento castrexo.
A derradeira parada do itinerario será no muíño de Céltigos, situado no lugar de Campoduro, integrado nunha fermosa contorna natural na que se inclúe un camiño de pedra a beiras do río Maruzo.
Ademais, a saída incluirá tamén a degustación de produtos típicos do municipio.
As persoas interesadas en participar poderán realizar a súa inscrición de balde ata o vindeiro venres, 25 de novembro, a través do enderezo info@viaxesalumar.com ou chamando ao 678 776 951. Recoméndase o emprego de roupa de abrigo e calzado axeitado para a práctica deportiva en superficies con terra.
Desde a organización, celebran “poder dar comezo a unha actividade coa que poñer en valor o patrimonio que agocha a nosa comarca” e convidan a descubrir a través desta actividade “o encanto natural e arquitectónico de Frades”.