A Casa da Cultura de Ordes acolleu este martes a Feira da Innovación Cooperativa, unha xornada que puxo en valor o traballo desenvolvido polo alumnado participante na Escola de Novos Cooperativistas ao longo do curso 2025-2026.
Máis de 80 estudantes dos centros IES Oroso, CPI O Cruce, IES Maruxa Mallo e CPI Viaño Pequeno participaron neste encontro, no que presentaron as cooperativas escolares creadas durante os últimos meses e compartiron experiencias arredor do emprendemento colectivo e da economía social.
A xornada contou coa presenza da directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño Regueiro, e da presidenta da Mancomunidade de Ordes, Susana García.
Durante a inauguración, Susana García destacou o papel da mocidade como motor de transformación do territorio, sinalando que “os retos da nosa comarca tamén poden ser oportunidades”, en referencia ao traballo realizado polo alumnado arredor de ámbitos como os
coidados, o medio ambiente, a mobilidade, os produtos locais ou as novas tecnoloxías.
A presidenta da Mancomunidade subliñou tamén o valor do cooperativismo como modelo de desenvolvemento social e económico: “Unha cooperativa non é só unha forma de empresa. É tamén unha maneira de facer as cousas: escoitando, compartindo responsabilidades, tomando decisións en común e pensando non só no beneficio individual, senón tamén no impacto que temos na comunidade”.
A programación incluíu unha mesa de experiencias cooperativas na que participaron proxectos cooperativos asentados como Central de Frades, Somos Terra e Anacos Educativos. As representantes destas iniciativas compartiron co alumnado a súa experiencia na creación e consolidación de cooperativas, abordando os retos do sector e as posibilidades que ofrece a economía social para a mocidade.
Posteriormente, o alumnado presentou os proxectos cooperativos desenvolvidos nos seus centros educativos, nun espazo aberto ao diálogo e ao intercambio de valoracións coas persoas asistentes. Susana García agradeceu ademais a implicación dos centros educativos e do profesorado participante, destacando “o esforzo, a coordinación e o acompañamento” realizados ao longo do programa. “Sen a vosa colaboración, esta Escola de Novos Cooperativistas non sería posible”, afirmou.
A Feira da Innovación Cooperativa constitúe o acto central da Escola de Novos Cooperativistas, unha iniciativa impulsada pola Mancomunidade de Ordes para achegar o cooperativismo ás aulas e fomentar entre a mocidade valores como a cooperación, a participación, a responsabilidade compartida e o compromiso co territorio.
O programa forma parte das actuacións 2025-2026 da Rede Eusumo, rede de colaboración promovida pola Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para o impulso do cooperativismo e da economía social, co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social. As sesións formativas son impartidas pola cooperativa Abeluria.