A Mancomunidade de Ordes, a través do seu Centro de Información á Muller (CIM), reforza a súa colaboración coa prevención do suicidio, mediante a instalación dun punto informativo sobre condutas suicidas. Este punto conta con material identificativo e díptico, así como folletos informativos con recursos de axuda e recomendacións para abordar este tipo de condutas.
Dende esta semana e ata o remate do ano, ditos recursos estarán accesibles para todas as persoas que acudan á oficina do CIM, co obxectivo de informar e concienciar sobre esta realidade, que incide con especial en Galicia e na provincia da Coruña.
Neste senso, a instalación do punto realízase ao abeiro do programa “Falamos?” da asociación Andaina Pro Saúde Mental, centrado na mellora da detección e intervención en risco de suicidio en áreas rurais. A través desta iniciativa, desenvólvense actuacións de sensibilización, información e asesoramento específico para persoas en situación de risco, así como formación para profesionais do eido socio-sanitario.
Información e horarios do CIM da Mancomunidade de Ordes
O Centro de Información á Muller (CIM) da Mancomunidade de Ordes ofrece información xurídica, atención psicolóxica, información sobre os recursos existentes na zona e calquera outra actividade que poida mellorar a igualdade entre homes e mulleres na comarca de Ordes.
A través deste servizo pódese acceder a asesoramento confidencial e gratuíto, os luns, martes e xoves, en Ordes, e os mércores e venres, en Oroso. O seu horario de atención é de 8:00 a 15:00 horas (de luns a venres), e pódese contactar no 981 682 108 e no enderezo cim@mancomunidadeordes.gal.