Co fin de conmemorar o 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, a Mancomunidade de Ordes publica un vídeo no que participou a veciñanza de todos os concellos da comarca, para sensibilizar á sociedade contra a violencia de xénero, promovendo a igualdade e o respecto.
O vídeo mostra unha serie de definicións de palabras relacionadas coa loita contra a violencia de xénero, acompañadas de explicacións e reflexións que invitan á acción e ao compromiso social. A través deste formato preténdese involucrar á cidadanía nun tema tan significativo e urxente.
O obxectivo desta iniciativa é fomentar o diálogo e a reflexión sobre a violencia de xénero, para que todas as persoas tomen conciencia e se unan para conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria.
A gravación estará dispoñible nas plataformas dixitais e redes sociais das entidades pertencentes á Mancomunidade de Ordes. Invítase a toda a cidadanía a unirse a esta iniciativa e participar activamente na difusión do vídeo.
Esta actividade foi organizada polas técnicas de Igualdade e do Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Ordes, en colaboración con Cruz Vermella.