- A presidencia desta mesa será exercida pola presidenta da Mancomunidade de Ordes, Susana García Gómez.
- As xuntanzas da MLC terán carácter semestral e no seo da mesa formaranse grupos de traballo de carácter técnico para a abordaxe das dificultades e a mellora da coordinación entre o persoal dos diferentes ámbitos representados.
O Salón de Plenos do concello de Ordes acolleu este pasado martes o acto de constitución da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero (MLC) no ámbito da comarca de Ordes, nunha xornada que contou coa asistencia da xefa da Unidade Contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno na Coruña, Manuela Vilaboy Romero.
Esta medida chega logo da adopción do acordo de constitución no Pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, celebrado o pasado 11 de decembro de 2023. No acto tamén se decretou que a presidencia da mesa será exercida pola presidenta da Mancomunidade de Ordes, Susana García Gómez.
A convocatoria estivo dirixida aos e ás profesionais da comarca dos principais ámbitos implicados, tanto de xeito directo como indirecto, na loita contra a violencia de xénero. Inclúese polo tanto representación política de cada un dos Concellos mancomunados, forzas e corpos de seguridade, ámbito xudicial, Centro de Información á Muller, colexios profesionais da avogacía, ámbito sanitario, ámbito educativo ou Servizos Sociais.
As xuntanzas da MLC terán carácter semestral e no seo desta, formaranse distintos grupos de traballo de carácter técnico para a abordaxe das dificultades e a mellora da coordinación entre o persoal dos diferentes ámbitos representados.
O vindeiro 9 de maio terá lugar no Concello de Cerceda a primeira xuntanza para a constitución destes grupos de traballo.
A presidenta da Mancomunidade de Ordes celebrou “que a comarca de Ordes poida dispor dunha mesa contra a violencia de xénero coa que sumar esforzos entre diferentes institucións cun obxectivo común; a loita contra a lacra social que é a violencia de xénero”.