A Mancomunidade de Ordes continúa enxalzando e poñendo en valor a gran riqueza patrimonial e natural do seu territorio. Faino con accións como o seu programa de visitas guiadas, que comezará esta mesma semana. Baixo o título Terras de Ordes, os lugares do paraíso, levaranse a cabo unha serie de saídas tanto no mes de outubro como no de novembro.
A primeira delas será este domingo, 6 de outubro, ao concello de Tordoia. A seguinte terá lugar o 20 de outubro a Cerceda e a última deste mes será o 27 a Ordes. No mes de novembro celebraranse as de Frades (día 10), Trazo (día 17) e Oroso (24 de novembro).
En todos os casos, a saída será desde o Concello de Mesía ás 10.00 horas. En canto ao horario de volta, está previsto que as persoas participantes regresen ás 13.00 horas.
As actividades son de balde, pero requiren de inscrición previa posto que as prazas son limitadas. Así, as persoas interesadas deberán anotarse a través do correo casadacultura@concellodemesia.gal ou do teléfono 981 687 241.