- As actividades son de balde e as participantes poden elixir o horario e lugar que máis lles conveña, con independencia do seu concello de residencia.
- O programa, cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, será impartido por Andaina Pro Saúde Mental de Ordes e entregarase certificado de asistencia ás persoas que así o soliciten.
A Mancomunidade de Ordes, xunto cos concellos que a integran: Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso e Tordoia pon en marcha, entre os meses de xullo e setembro, a terceira edición do programa “Ter (en) conta”, unha iniciativa que aposta pola saúde emocional, o autocoidado e a creación de redes de apoio para as mulleres coidadoras da comarca.
O programa inclúe seis obradoiros en cada concello, de dúas horas de duración, cun enfoque práctico e participativo. Os contidos abordados serán autocoñecemento, regulación emocional, xestión do tempo, relaxación e risoterapia. O obxectivo é facilitar ferramentas que melloren o benestar persoal e emocional das participantes, reducir os efectos negativos do coidado e promover a interacción social.
As sesións desenvolveranse do 28 de xullo ao 11 de setembro (agás a semana do 11 ao 15 de agosto) nos seguintes horarios e lugares:
- Luns: Ordes, de 16:00 a 18:00 h no Centro Isabel Zendal
- Martes: Frades, de 9:30 a 11:30 h no Multiusos; Mesía, de 12:00 a 14:00 h na Casa da Cultura
- Mércores: Oroso, de 12:00 a 14:00 h no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa
- Xoves: Cerceda, de 9:30 a 11:30 h no Viveiro de Empresas; Tordoia, de 12:00 a 14:00 h no ximnasio do CPI Pecalama
Ademais, en setembro organizaranse dous encontros comarcais en Ordes, de dúas horas de duración, con contidos centrados na saúde mental e na mediación, así como na reflexión sobre os estereotipos de xénero, a promoción da igualdade e a prevención da violencia. Estes encontros están pensados para reunir ás mulleres dos distintos concellos e fomentar a creación de redes de apoio.
As actividades son de balde e as participantes poden elixir o horario e lugar que máis lles conveña, con independencia do seu concello de residencia. A inscrición pode realizarse a través dos Servizos Sociais Comunitarios ou do CIM da Mancomunidade.
O programa será impartido por Andaina Pro Saúde Mental de Ordes e entregarase certificado de asistencia ás persoas que así o soliciten. Esta actuación está cofinanciada pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, orientado á prevención da violencia de xénero e á mellora da situación persoal, social e laboral das mulleres en situación de especial vulnerabilidade.