A Mancomunidade de Ordes leva o cooperativismo ás aulas con máis de 80 persoas implicadas

A Mancomunidade de Ordes puxo en marcha a Escola de Novos Cooperativistas, unha iniciativa que introduce o emprendemento cooperativo no ámbito educativo e que xa está a implicar a máis de 80 persoas entre alumnado e profesorado de secundaria.

O programa desenvólvense nos centros IES Maruxa Mallo, CPI Viaño Pequeno, IES Oroso e CPI O Cruce, onde o alumnado está a crear os seus propios proxectos cooperativos. Ao longo do curso deberán definir produtos ou servizos, organizar os equipos, asumir responsabilidades de xestión e presentar as súas iniciativas, vivindo en primeira persoa o funcionamento real dunha cooperativa.

A proposta aposta por unha metodoloxía práctica e participativa que combina o deseño do plan de empresa, a posta en valor de produtos e servizos e a creación de contornas de traballo colaborativo. Máis alá dos coñecementos técnicos, o alumnado desenvolve competencias clave como a toma de decisións, a xestión de conflitos, o traballo en equipo e a responsabilidade compartida.

Con esta iniciativa, a Mancomunidade reafirma o seu compromiso co desenvolvemento da comarca, promovendo unha cultura emprendedora baseada na cooperación, a igualdade e o arraigo
territorial. O obxectivo é que a mocidade coñeza modelos empresariais centrados nas persoas e adquira ferramentas útiles para o seu futuro académico e profesional.

A actividade enmárcase no programa 2025-2026 da Rede Eusumo, impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social. As sesións formativas son impartidas pola cooperativa Abeluria.

A escola Novos Cooperativistas é unha aposta estratéxica da Mancomunidade para achegar a economía social ás aulas e fortalecer unha nova xeración preparada para emprender en común.

Scroll to Top