A Mancomunidade de Ordes organiza en setembro a segunda parte do programa ‘Ter (en) conta II’

Tras o éxito acado na primeira edición do programa ‘Ter (en) conta’, a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, a través do Centro de Información á Muller (CIM), organiza a segunda parte desta iniciativa.

Serán tres encontros que terán lugar os luns 9, 16 e 23 de setembro, de 17:00 a 19:00 horas, no salón de plenos do Concello de Ordes.

Nesta ocasión os temas a tratar serán os trastornos de saúde mental, un dos máis demandados polas persoas coidadoras. Trataranse diversos temas como: verdades e falsidades dos trastornos, motivos que provocan a súa aparición, como é a súa evolución e como se poden detectar, como debe actuarse ante un, como afectan á persoa, ás familias e á sociedade e como buscar axuda.

Deste xeito, no primeiro destes talleres falarase sobre saúde mental e, concretamente, sobre a esquizofrenia, o trastorno da personalidade, o trastorno bipolar e o trastorno depresivo, entre outros.

Os trastornos cognitivos como o alzhéimer ou o párkinson serán os protagonistas do segundo encontro. Por último, no derradeiro taller trataranse os trastornos de desenvolvemento, como o autismo ou o trastorno de atención e hiperactividade.

O obxectivo destes obradoiros é que as mulleres aprendan estratexias para o propio coidado, o coidado das persoas dependentes e coñezan recursos que faciliten as tarefas dos coidados, así como estratexias para promover a corresponsabilidade na contorna próxima.

As persoas interesadas poden obter máis información de maneira presencial nas dependencias do CIM da Mancomunidade, a través do teléfono 981 682 108 ou no enderezo de correo cim@mancomunidadeordes.gal

Scroll to Top