- No acto interviñeron a presidenta, Susana García, o delegado provincial da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e Iria Rodríguez, en representación de Viaxes Alumar, empresa comercializadora.
- O proxecto integra un total de sete rutas gratuítas polos concellos da Mancomunidade, que xa poden ser reservadas a través desta ligazón .
- “Esta iniciativa é a materialización de anos de traballo en prol de achegar o patrimonio da comarca ás persoas visitantes”, sinalou a presidenta Susana García.
A Mancomunidade de Ordes presentou esta tarde no Recinto Ferial – Ifema Madrid as súas rutas guiadas pola comarca, o seu primeiro produto turístico baixo o selo ‘Terra de Ordes’.
Un ano máis tarde de presentar neste mesmo evento o xeodestino ‘Terra de Ordes’, a entidade levou o que supón o seu primeiro produto turístico co que achegar o patrimonio que ofrecen os municipios integrados.
O acto de presentación correu a cargo da presidenta da Mancomunidade, Susana García; do delegado da Xunta na provincia da Coruña; o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e de Iria Rodríguez, en calidade de representante de Viaxes Alumar, entidade comercializadora.
O proxecto consiste nun ciclo formado por sete rutas gratuítas que teñen por finalidade divulgar o patrimonio natural, cultural e gastronómico de cada un dos concellos que conforman a Mancomunidade . Na súa confección estiveron involucradas máis dunha vintena de empresas reunidas ao abeiro do xeodestino, as cales levan desenvolvendo probas con visitantes reais para ofrecer deste xeito un produto definitivo de calidade.
Lagoas, contornas mineiras, museos, megalitismo ou edificacións relixiosas, entre outras paradas de gran interese natural e etnográfico integran unha experiencia turística mais afastada da óptica convencional nun espazo marcado pola súa ampla variedade de posibilidades.
As saídas están xa están a disposición de persoas e axencias a través desta ligazón: https://mancomunidadeordes.gal/rutas
Durante a súa intervención, a presidenta, Susana García, indicou que estas rutas supoñen “a culminación de anos de traballo por achegar o incrible patrimonio da comarca a todas as persoas que desexen visitalo” e remarcou a importancia “de todo o esforzo realizado por parte dos axentes implicados na iniciativa para ofrecer unha mostra dos pequenos-grandes paraísos da comarca”.
Pola súa parte, o delegado provincial da Xunta, Gonzalo Trenor sinalou “a importancia de xerar un produto turístico propio e diferenciado que vai xerar riqueza e beneficiar ao conxunto do turismo en Galicia” e remarcou que “a través destas sete rutas, milleiros de turistas poderán gozar da riqueza que ofrece a comarca de Ordes”.O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, louvou “un produto ben estruturado que pon en primeiro plano o sector profesional” e recomendou aos visitantes gozar “da Vía Verde e o Camiño Inglés, facendo unha parada nas Terras de Ordes”.
Finalmente, Iria Rodríguez, de Viaxes Alumar puxo en valor “a aposta de máis de vinte empresas por un produto con que se vende principalmente natureza e paisaxes galegos a un paso de Santiago de Compostela”.