A Mancomunidade de Ordes presenta en FITUR o xeodestino ‘Terra de Ordes’

  • A presentación correu a cargo da presidenta da Mancomunidade, Susana García; do director da Academia de Turismo, Manuel Pan; e do delegado da Xunta, Gonzalo Trenor.
  • A pouca distancia coas cidades, o Camiño de Santiago, a Vía Verde e a impoñente natureza son os principais atractivos deste destino turístico.
  • “Hoxe é un día moi especial para a comarca de Ordes”, destacou Susana García, que explicou que o xeodestino “permitirá aos visitantes desfrutar de experiencias únicas”.

A Feira Internacional de Turismo (FITUR) de Madrid acolleu hoxe a presentación do novo xeodestino ‘Terra de Ordes’, deseñado e xestionado pola Mancomunidade de Ordes en colaboración con ASDEMOCOR (Asociación de Desenvolvemento da Comarca de Ordes), que aportará á oferta turística de Galicia un destino en contacto coa natureza moi cerca das cidades de Santiago e A Coruña.

O acto correu a cargo da presidenta da Mancomunidade, Susana García; do director da Academia de Turismo da Mancomunidade, Manuel Pan; e do delegado da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, escenificando así o traballo conxunto entre os sete concellos que forman a Mancomunidade e a Xunta de Galicia para definir un destino turístico que quere unir esforzos para ofrecer conxuntamente unha oferta atractiva para os turistas.

En Galicia existían ata o de agora 14 xeodestinos aos que se lle suma agora “Terras de Ordes”, que aporta á oferta turística de Galicia un destino en contacto coa natureza, moi cerca das cidades de Santiago e A Coruña, para as que será unha referencia como o corazón verde da provincia da Coruña, o Camiño Inglés, a Vía Verde, os ríos, lagos e encoros, e outras moitas infraestruturas turísticas de grande éxito como o Parque Acuático de Cerceda, a Casa Grande de Xanceda coas súas visitas guiadas ou os diferentes museos repartidos por todo o territorio, xunto cun sector privado en crecemento continuo, farán que nos vindeiros anos poidamos traballar xuntos baixo unha marca común.

Susana García destacou que “hoxe é un día moi especial para toda a comarca de Ordes” e explicou que “desde Mancomunidade afróntase este reto con grande ilusión, asumindo a responsabilidade de que a partir de agora o turismo na nosa comarca colla aínda mais forza e permitindo aos visitantes desfrutar de experiencias únicas”.

Pola súa parte, Gonzalo Trenor subliñou que “este é un paso moi importante porque vos permite adquirir o protagonismo que merecedes na xestión turística do voso territorio” e salientou as posibilidades que ofrece o Camiño Inglés “que se converteu por dereito propio nun piar fundamental sobre o que se está construíndo a identidade turística desta mancomunidade”.

Scroll to Top