A Mancomunidade de Ordes presenta ‘Terra Activa’, cunha diversa programación de difusión da comarca

  • A iniciativa, levada a cabo en colaboración coa Deputación da Coruña, incluirá un total de 4 eventos nos Concellos de Tordoia, Trazo, Cerceda e Mesía.
  • A finalidade é promover a dinamización cultural e natural da comarca e deste xeito atraer visitantes.
  • O evento ‘Tordoia Activa’ abrirá a programación do proxecto este mesmo sábado, 22 de xullo.
  • A Mancomunidade informará nas vindeiras datas dun novo proxecto que se desenvolverá nos tres municipios restantes.

A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ordes, presenta ‘Terra Activa’, un proxecto realizado coa colaboración da Deputación da Coruña coa finalidade de atraer visitantes e divulgar os atractivos turísticos destes lugares.

O programa desenvolverase ata o vindeiro mes de setembro nos municipios de Tordoia, Trazo, Cerceda e Mesía, e contará cunha actividade en cada un deles dirixida á promoción cultural, paisaxística e etnográfica de cada un.

Deste xeito, a programación dará comezo este sábado, 22 de xullo, coa xornada ‘Tordoia Activa’, unha festa campestre na piscina municipal que incluirá atraccións e festa de espuma para os máis cativos e sesión vermú e verbena, ademais de servizo de pulpeira.

Unha semana máis tarde, Trazo será escenario para ‘A Convidada’ e Cerceda fará o propio coa xa tradicional festa do ‘Cochiño’. Pechará a programación o evento ‘Mesía Activa’, programado para o 9 de setembro.

A presidenta da Mancomunidade de Ordes, Susana García, sinala a súa ledicia “pola materialización dun proxecto no que vimos traballando desde hai tempo e que de seguro permitirá unha promoción máis óptima de todo o potencial turístico que teñen estes catro municipios que integran o proxecto”.

Do mesmo xeito, tamén agradeceu “a colaboración da Deputación para que poidamos contar con programas tan atractivos como Terra Activa”, sinalou a presidenta.

 

Scroll to Top