- O ente supramunicipal organizou esta fin de semana un press trip no que contou coa participación de destacados influencers do eido turístico.
- Durante a súa estadía puideron coñecer diversos enclaves naturais como a fraga do Petón, edificacións culturais como o museo do traxe Juanjo Linares e degustar algúns dos pratos típicos da comarca.
A Mancomunidade de Ordes acolleu esta fin de semana un press trip a través do cal 6 influencers vencellados ao eido turístico e gastronómico puideron coñecer e compartir nas súas canles os recursos culturais, patrimoniais e gastronómicos da comarca.
As personalidades participantes na iniciativa foron Beatriz Sotelo (Petiscos Galegos), Leti Varela, Fanny Pena (Engaliciamorate), Javi Collazo e Travelalwaystogether.
Durante a súa estadía nos municipios que integran a Mancomunidade puideron visitar recunchos naturais como a fraga do Petón, en Frades, a ruta da fraga dos Muíños ou a Vía Verde, entre outros.
Tamén descubriron elementos patrimoniais como a fortaleza de Mesía, o pazo de Galegos, en Frades, ou os museos do traxe ‘Juanjo Linares’, as brañas de Valga, onde se achegaron tamén ao museo do Barro, ou ao muíño de Xan, en Tordoia.
Non faltou tampouco o patrimonio gastronómico da comarca, xa que durante as dúas xornadas puideron degustar receitas típicas como o tradicional queique de Ordes.
Desde a área de Turismo da Mancomunidade celebran o éxito dunha iniciativa que “permite achegar os recursos da Mancomunidade a un gran número de público” xa que entre todas as personalidades participantes superan os 200.000 seguidores nas súas redes sociais. Tamén trasladan o seu agradecemento á Xunta de Galicia polo seu apoio nesta iniciativa de promoción do xeodestino ‘Terras de Ordes’.