- O ente supramunicipal presentou esta tarde o proxecto “Terra Activa” no stand de Galicia de Fitur
- “Somos un xeodestino inseparable do movemento, xa sexa da auga, do tempo, ou de todas as persoas que naceron e creceron nas nosas vilas”, destacou a presidenta da Mancomunidade, Susana García
A Mancomunidade de Ordes presentou esta tarde na Feira Internacional de Turismo Fitur 2025, que se está a desenvolver en Madrid, o seu proxecto “Terra Activa”, co que busca promover o valor da natureza e da etnografía do destino xeoturístico Terras de Ordes, así como o Camiño Inglés, a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle e a súa proximidade coas cidades da Coruña e de Santiago.
A presidenta do ente supramunicipal, Susana García, foi a encargada de expoñer a proposta no stand de Galicia en Fitur, onde estivo acompañada da delegada da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Belén do Campo; Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña, e Manuel Pan, director da Academia de Turismo da Mancomunidade, así como representación dos concellos da comarca.
Durante a súa intervención, Susana García destacou “a esencia de terra activa” dunha comarca “inseparable do movemento, xa sexa da auga, do tempo, ou de todas as persoas que naceron e creceron nas nosas vilas, e tamén de todas aquelas que gozaran algunha vez do noso patrimonio natural e etnográfico”.
Neste senso, a presidenta da Mancomunidade puxo en valor a importancia tanto do Camiño Inglés como da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle para o desenvolvemento do xeodestino Terras de Ordes, un territorio que “conta con vida propia, con xente emprendedora, actividades culturais, festas populares, gastronómicas, deportivas e promocionais en calquera momento do ano”.
Vídeo promocional protagonizado por Carmen
A intervención da presidenta deu paso á proxección dun vídeo promocional protagonizado por Carmen, unha rapaza de oito anos que percorre cos seus debuxos diferentes recunchos das Terras de Ordes, pasando por diversos puntos de interese naturais, patrimoniais, culturais ou arqueolóxicos da Mancomunidade.
No vídeo, que estará dispoñible na páxina web e nas redes sociais da Mancomunidade de Ordes, Carmen invítanos a coñecer o seu fogar e os lugares que considera un paraíso, representando coas súas creacións a todos os veciños e veciñas da comarca.