A Mancomunidade de Ordes promoverá en FITUR as potencialidades turísticas do seu patrimonio fluvial

  • O ente supramunicipal presentará o seu proxecto, ‘Augas de Ordes’, o vindeiro 25 de xaneiro ás 18:45 horas.
  • A través da presenza nun dos eventos turísticos con maior repercusión e afluencia a Mancomunidade busca promover as súas potencialidades turísticas como Xeodestino, facendo fincapé no seu amplo patrimonio acuático.
  • Na actualidade a Mancomunidade xa ten a disposición na súa web unha serie de rutas guiadas a través dos diferentes municipios que a integran

A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ordes promocionará en FITUR as potencialidades turísticas que ofrecen os seus múltiples recursos fluviais e acuáticos.

Baixo o título ‘Augas de Ordes’, o ente supramunicipal presentará o vindeiro xoves, día 25 de xaneiro, a súa proposta coa que promover o seu patrimonio acuático nun dos eventos máis sinalados e concorridos do eido turístico nacional. O acto, programado para as 18:45 horas, contará coas intervencións da presidenta, Susana García, o deputado provincial, Xosé Regueira e Antonio Casas Calviño, xerente da Axencia de Turismo de Galicia. Ademais tamén estarán presentes representantes institucionais dos municipios que integran a Mancomunidade.

O patrimonio natural do territorio da comarca compleméntase cunha ampla variedade de recursos fluviais tales como diferentes paseos ás beiras dos ríos que discorren polas súas paraxes, encoros, e mesmo un parque acuático. Polo tanto, a Mancomunidade xa está a traballar nunha folla de ruta que permita fomentar un maior aproveitamento turístico de todos estes enclaves dos que dispón o xeodestino ‘Terras de Ordes’.

Na actualidade, a Mancomunidade xa ten dispoñibles unha serie de rutas guiadas a través dos diferentes concellos que a integran, polo que todas as persoas que estean interesadas en participar nas mesmas poden anotarse nas mesmas a través da web.

A iniciativa, posta en marcha coa colaboración da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, suporá a consolidación da Mancomunidade nun evento da magnitude da Feira Internacional Turismo desde a súa consolidación como xeodestino no ano 2022.

Scroll to Top