A Mancomunidade mantén a súa aposta por reducir o desemprego na comarca cunha nova edición do obradoiro dual

A Mancomunidade de Ordes continúa apostando por reducir a taxa de paro na comarca. Tanto é así, que proximamente celebrará unha nova edición do seu obradoiro dual ‘Mancomunidade Ordes IV’. A iniciativa está dirixida a veciños maiores de 18 anos dos concellos membros que se atopen en situación de desemprego e que cumpran os requisitos de acceso para os certificados de nivel 2.

A presidenta da Mancomunidade, Susana García, apunta que este tipo de medidas son “esenciais para impulsar o emprego na comarca, dándolles aos veciños a posibilidade de recibir formación en especialidades cunha alta demanda no mercado laboral”.

En total ofertaranse 20 prazas, dez por cada especialidade: Pintura industrial en construción (EOCB0311) e Instalación de elementos de carpintería (MAMS0108). O programa formativo terá unha duración de nove meses e, durante o mesmo, o alumnado-traballador realizará unha parte teórica e tamén unha práctica que se materializará por medio de traballos nos municipios da Mancomunidade.

Para dar continuidade á última edición do taller, as persoas participantes seguirán traballando no proxecto de rehabilitación da antiga estación de ferroviaria da Pontraga (Ordes). Pola outra, porán en práctica todo o aprendido durante as sesións coa execución de traballos na estación de Trasmonte (Oroso) e nos locais sociais dos concellos da comarca.

A solicitude de participación pode realizarse de xeito telemático a través da Oficina de Emprego de Galicia ou presencialmente na Oficina de Emprego de Ordes. En todo caso, deberán formular a súa solicitude antes do 28 de outubro.

O programa conta co financiamento da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia.

Scroll to Top