O servizo de prevención de condutas aditivas da Mancomunidade de Ordes retomou as súas actividades nos centros educativos da comarca este mes de novembro, cunha serie de obradoiros adaptados ao alumnado de primaria e secundaria, impartidos pola técnica do servizo, Mónica González López.
Esta semana, o martes 12 e mércores 13, tiveron lugar os primeiros talleres de prevención de riscos de condutas aditivas en Cerceda, no CPI O Cruce. As sesións están dirixidas a alumnado dos grupos de 1º, 2º, 3º e 4º da ESO, e buscan formar e informar á rapazada para que eviten o consumo de substancias e as prácticas aditivas.
Obradoiros de habilidades sociais
Non obstante, o itinerario formativo deste servizo da Mancomunidade xa comezou a pasada semana no CEIP Castelao de Ordes, cuns talleres de habilidades sociais dirixidos a 183 alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria, que se desenvolveron os días 5 e 6, e que continuarán os días 18, 19, 20, 25 e 25 e 26 deste mes.
Nestes obradoiros realízanse intervencións grupais, nas que se tratan temas como a presión de grupo, dun xeito adaptado a esta fase crucial no desenvolvemento persoal, na que acontecen os cambios máis drásticos tanto na percepción dun mesmo como nas relacións interpersoais.
Ademais de pasar este mes por Ordes, os obradoiros de habilidades sociais tamén se están a realizan no CPI O Cruce de Cerceda, hoxe xoves 14 e o vindeiro 21 de novembro. Neste centro de ensino traballarase con alumnos e alumnas nos grupos de 5º e 6º de Primaria.
O servizo de prevención de condutas aditivas da Mancomunidade de Ordes
O servizo de prevención de condutas aditivas da Mancomunidade de Ordes ten como obxectivos evitar as situacións de dependencia e as adiccións, ofrecendo información, orientación e asesoramento nos ámbitos formativo, comunitario, educativo, familiar e xuvenil.
Para contactar co servizo, pódese chamar ao teléfono 607 64 28 63, ou escribir unha mensaxe ao enderezo electrónico monica.gonzalez@mancomunidadeordes.gal.