Onte, 22 de xaneiro, a Mancomunidade de Ordes presentouse en FITUR, Madrid, a Feira Internacional de Turismo máis importante do Planeta, coma o primeiro xeodestino mural de España: Terras de Ordes. Foi no stand de Turismo de Galicia, onde a nosa comarca contou cun espazo na programación da nosa Comunidade Autónoma.
Nesta feira, que se celebra nos pavillóns de IFEMA, na capital de España, proxectouse un vídeo titulado ‘Hay lugares que no solo se visitan, se sienten’, no que se expuxeron os puntos fortes da nosa terra en canto a emprazamentos por visitar e tamén pola grande cantidade de eventos de interese que se organizan anualmente.
Nesta peza audiovisual fálase da existencia dos máis de 120 murais que atraen a persoas de todos os puntos de España e parte do estranxeiro. Todos eles están localizados dixitalmente, así como todos os recursos turísticos do xeodestino.
Cabe destacar que os visitantes organizan as viaxes á nosa comarca desde o apartado web www.terrasdeordes.gal , onde tamén se poden mercar produtos como as rutas turísticas, entre as que destacan a ruta do Museo de Arte ao Aire Libre que forma o Xeodestino Mural.
Un grande escaparate
FITUR é unha das feiras máis importantes do mundo, e a nosa comarca leva uns anos dando pasos de xigante para posicionarse como un referente turístico para todas as persoas que visitan Galicia, e nomeadamente, A Coruña e Santiago de Compostela.
Xa en anteriores edicións promovemos as nosas rutas fluviais, o Camiño de Santiago, a Vía Verde e todo o noso potencial de actividades de interese turístico. Porén, o noso patrimonio ten cabida novamente grazas ao amplo abano de alternativas que se organizan desde a Mancomunidade.
Os sete municipios que integran este territorio, co apoio da Deputación da Coruña e a da Xunta de Galicia, estamos pouco a pouco conseguindo crear unha referencia. Entendemos que traballar de maneira conxunta é o xeito de amosarnos ao mundo, e así o seguiremos facendo.