- A iniciativa está dirixida a reforzar a competitividade das empresas e axentes que integran o xeodestino Terras de Ordes.
- As masterclasses serán impartidas por persoal con experiencia e estarán a disposición de todas as persoas que desexen asistir, inscribíndose previamente premendo nesta ligazón.
A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ordes, organismo que trata de sumar sinerxías entre os Concellos de Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo promoverá durante este mes de novembro cinco sesións formativas en materia de turismo, enmarcadas na segunda edición da Academia de Turismo das Terras de Ordes.
O ciclo, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña, será posto en marcha coa finalidade de reforzar a competitividade dos axentes e as empresas que integran o xeodestino Terra de Ordes, distintivo recibido pola Xunta de Galicia.
As masterclasses serán impartidas por persoal capacitado e con grande experiencia estarán a disposición de todas as persoas que desexen asistir e celebraranse ás 17:00 horas. A programación será a seguinte:
O luns, 6 de novembro, Cerceda acollerá a primeira actividade consistente nunha xornada de exemplos de boas prácticas, para poder coñecer empresas que expoñan os seus casos de éxito e contan a súa experiencia en aberto a outras empresas e emprendedores que lle poidan expoñer dúbidas en tempo real.
O luns, 14 de novembro, a aula CeMIT de Oroso será o lugar escollido para unha sesión de atención ao cliente online impartida por Fernando Rodríguez de la Torre.
O 16 de novembro, no bar Salón de Ordes, farase unha formación de Barista, dirixido a camareiros que atendan as barras, no que aprenderán o básico sobre a preparación do café e todas as súas variantes, así como as nocións básicas de coctelería. Para isto a empresa que imparta a formación ten que ofrecer as instalacións adecuadas para este fin, ben sexan unhas xa existentes ou outras adaptadas.
O 21 de novembro, novamente en Oroso, impartirase unha sesión de ‘Comercialización de produtos online, a nova economía’, con nocións das ferramentas para chegar aos clientes e que permiten tanto o pago a distancia ou a realización de encargas.
O mercado municipal de Ordes acollerá o 27 de novembro ‘Escandallo e optimización de menús’, unha actividade dirixida para todos aqueles establecementos que ofrecen comidas ou tapas, co obxectivo de aprender a facer un bo escandallo dos produtos dun prato, aplicando nel todos os custes necesarios tanto de produto como doutros derivados.
Tamén o 27 de novembro, no mesmo emprazamento, farase unha sesión didáctica de conservación de produtos que versará sobre as novas tecnoloxías que saíron ao mercado en cuestións de conservación, especialmente no relacionado co envasado ao baleiro e os novos gases de conservación.