A Mancomunidade promove a segunda edición do programa ‘Ter (en)conta’ durante este verán

  • O proxecto está cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.
  •  A iniciativa desenvolverase durante os meses estivais nos sete concellos que integran a Mancomunidade e incluirá seis obradoiros e tres encontros formativos.

A Mancomunidade de Ordes, xunto cos sete Concellos que a integran, organizan o Programa “Ter (en)conta II” que se desenvolverá entre os meses de xullo e setembro, dándolle así continuidade á labor iniciada na primeira edición do programa, na que participaron máis de 60 mulleres da comarca.

A acción formativa será impartida por Andaina Pro Saúde Mental de Ordes. Entregarase un diploma de asistencia das horas recibidas.

Este proxecto está cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e o seu obxectivo principal destas axudas é previr a violencia de xénero e mellorar a situación das vítimas de violencia de xénero e das mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

Polo tanto, ao abeiro da programación vanse organizar as sesións grupais  “Ternos en conta” e un ciclo de encontros.

En cada un dos sete concellos participantes realizaranse seis obradoiros, de dúas horas de duración cada un deles, sendo algúns en horario de mañá e outros de tarde, co fin de facilitar a asistencia ás.

Os contidos, teóricos e prácticos, que se van impartir son auto coñecemento, mobilización de persoas, recursos de axuda, corresponsabilidade, comunicación non violenta e ferramentas para a inclusión dixital.

O obxectivo é favorecer o auto coidado das persoas participantes e reducir os efectos negativos, especialmente os relacionados co estrés e a soidade. Ademais, estes obradoiros servirán para crear un espazo de encontro e intercambio de experiencias entre as persoas participantes.

Ademais, durante tres tardes do mes de setembro organizaranse tres encontros informativos e de axuda mutua para facilitar información sobres as patoloxías con máis incidencia entre as persoas maiores e menores de idade.

Estes encontros temáticos, que terán unha duración de dúas horas, versarán sobre os trastornos mentais, cognitivos e do desenvolvemento e o seu manexo. De xeito transversal abordaranse contidos sobre os estereotipos de xénero, a promoción da igualdade e a prevención da violencia

 

INFORMACIÓN E INSCRICIÓN

As actividades serán de balde e as persoas participantes poderán elixir o lugar e horario no que desexan asistir,  con independencia do concello no que residan

Para máis información e inscricións están habilitados os servizos sociais comunitarios da comarca ou ao CIM a través do número 981 682 108 ou o mail cim@mancomunidadeordes.gal

 

Scroll to Top