A mocidade da comarca de Ordes presenta as súas cooperativas na Feira da Innovación Cooperativa
- 25 Maio, 2026
- 4:41 p.m.
- Mancomunidade
A Casa da Cultura de Ordes acollerá o vindeiro martes 26 de maio a Feira da Innovación Cooperativa, unha xornada que servirá para poñer en valor o traballo desenvolvido polo alumnado participante na Escola de Novos Cooperativistas ao longo do curso 2025-2026.
Máis de 80 estudantes dos centros IES Oroso, CPI O Cruce, IES Maruxa Mallo e CPI Viaño Pequeno participarán neste encontro, no que presentarán os proxectos cooperativos creados durante os últimos meses e compartirán experiencias arredor do emprendemento colectivo, a innovación social e o traballo colaborativo.
A xornada contará coa presenza da directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño Regueiro, e da presidenta da Mancomunidade de Ordes, Susana García.
A programación incluirá unha mesa de experiencias cooperativas na que participarán iniciativas referentes como Central de Frades, Somos Terra e Anacos Educativos. As súas representantes compartirán co alumnado como naceron os seus proxectos, os retos aos que se enfrontan e as oportunidades que ofrece o modelo cooperativo como ferramenta de desenvolvemento económico e social.
Posteriormente, o alumnado presentará as cooperativas escolares impulsadas nos seus centros educativos, expoñendo propostas e solucións vinculadas a ámbitos como os coidados, o medio ambiente, os produtos locais, a sustentabilidade, a mobilidade ou as novas tecnoloxías.
A Feira da Innovación Cooperativa constitúe o acto central da Escola de Novos Cooperativistas, unha iniciativa impulsada pola Mancomunidade de Ordes para achegar o cooperativismo ás aulas e fomentar entre a mocidade valores como a cooperación, a participación, a responsabilidade compartida e o compromiso co territorio.
O programa forma parte das actuacións 2025-2026 da Rede Eusumo, rede de colaboración promovida pola Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para o impulso do cooperativismo e da economía social, co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social. As sesións formativas son impartidas pola cooperativa Abeluria