A mocidade presenta as súas cooperativas poñendo en valor a materia prima e a cultura comarcal

  • A casa da cultura de Ordes acolleu esta mañá a presentación de catro proxectos de cooperativas integradas no programa ‘Construíndo unha comarca mellor. As nosas cooperativas’.

 

  • A iniciativa forma parte da Rede Eusumo, impulsada pola Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

A Mancomunidade de Ordes, ao abeiro da Rede Eusumo da Xunta de Galicia, celebrou esta mañá a presentación de cooperativas elaboradas baixo o programa educativo ‘Construíndo unha comarca mellor. As nosas cooperativas’ no que o alumnado de catro centros educativos da comarca tivo ocasión de desenvolver os seus proxectos.

 

Deste xeito, o CPI Xanceda, do Concello de Mesía, propuxo un modelo de negocio consistente na elaboración de chapas cun marcado compoñente cultural comarcal. Pola súa parte, o CPI O Cruce, de Cerceda, presentou ‘Trigales Coperatives’, unha pastelería que ten como base o emprego de materias primas locais co que facer chegar as receitas tradicionais a un público amplo.

 

Pola súa parte, o alumnado do CPI Ponte Carreira, de Frades, tamén optou pola aposta culinaria a través de ‘Pasteis de Esperanza’, unha cooperativa nada co fin de recadar fondos para unha excursión. Nela faise unha aposta polos doces tradicionais e por novas elaboracións e tamén se fomenta a economía circular coa venda de xoguetes de segunda man.

 

Finalmente o IES Maruxa Mallo, do Concello de Ordes, presentou unha cooperativa que ten por finalidade pasear mascotas buscando ser un punto de apoio e conciliación para persoas maiores ou con mobilidade reducida.

 

Todas elas foron supervisadas e avaliadas tanto polo profesorado como por profesionais doutras cooperativas da comarca como Urdime, Fieito e Central de Frades, presentes a través das súas representantes para compartir cos e coas asistentes a súa experiencia e resolver dúbidas sobre o funcionamento das cooperativas.

 

O acto contou coa participación de Marta Mariño, directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, e de Susana García, presidenta da Mancomunidade de Ordes. Ambas destacaron a importancia de fomentar o emprendemento e a economía social desde idades temperás.

 

Mariño animou á rapazada e ao profesorado a seguir fomentando o cooperativismo “que está no ADN da nosa terra” desde os centros educativos e lembroulles os servizos de asesoramento e acompañamento que pon á súa disposición a Administración.

 

“Incorporar a economía social e, en particular, o cooperativismo, ao sistema educativo desde idades temperás é situar no radar dos nosos mozos e mozas a posibilidade de emprender como saída laboral e proxecto de vida”, sinalou Susana García ao tempo que destacou a contribución da fórmula cooperativa á consolidación dunha cultura empresarial máis responsable e sostible e, polo tanto, beneficiosa para o territorio e a súa xente.

 

A presidenta da Mancomunidade felicitou ao alumnado polas iniciativas presentadas e animounos a continuar explorando os “moitos carreiros” do “camiño do emprendemento” ata atopar o idóneo para eles. “Ao longo destes meses, traballastes con dedicación e creatividade nos vosos proxectos cooperativos, demostrando que o futuro da nosa comarca está en boas mans”, sinalou.

 

Esta actividade enmárcase no programa de actuación 2023 – 2024 da Rede Eusumo, unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.

Scroll to Top