A segunda edición do DesOrdes Xeodestino Mural deixa tres novas creacións en Trazo, Tordoia e Cerceda

  • Os artistas Twee Muizen, Mutante Creativo e Alejandro Mosquera ilustraron esta edición da iniciativa, que se centrou en resaltar os valores da tradición e das comunidades locais 

A Mancomunidade de Ordes vén de acoller a segunda edición de DesOrdes Xeodestino Mural, unha iniciativa impulsada polo ente supramunicipal, a Deputación da Coruña e o estudio Mutante Creativo, coa que continúa estendendo o seu patrimonio artístico e reforzando a súa posición como principal destino muralístico de Galicia.

As intervencións artísticas desenvolvéronse no último cuadrimestre do 2024 no centro social de Chaián, en Trazo; o Centro do Maior de Tarroeira, en Tordoia, e o centro social de Queixas, en Cerceda, coa participación dos artistas Twee Muizen, Mutante Creativo e Alejandro Mosquera, respectivamente.

Neste senso, os tres traballos centráronse en resaltar os valores da tradición e das comunidades locais, así como o patrimonio material e inmaterial das diferentes localizacións, empregando a arte urbana como vía para non esquecer o saber popular e o legado da veciñanza da comarca.

“Home Orquestra” de Twee Muizen, en Chaián (Trazo)

Situado no centro social de Chaián, no concello de Trazo, o primeiro mural desta edición homenaxea á figura do home orquestra, unha figura tradicional das festas populares que funciona tamén como un símbolo de modernidade. A elección desta temática polos Twee Muizen reforza a conexión da música co contexto sociocomunitario deste lugar, xa que ademais de servir como lugar de reunión, tamén acolle clases de música.

“Memoria” de Mutante Creativo, en Tarroeira (Tordoia)

Baixo o título de “Memoria”, o mural dos Mutante Creativo no Centro do Maior de Tarroeira, en Tordoia, é unha metáfora sobre a importancia do coidado e conservación da memoria e o coñecemento colectivo. Nesta creación, Sokram e Mou fan referencia ao valioso patrimonio megalítico deste municipio, incluíndo símbolos como o dolmen de Cabaleiros ou a Pedra Longa.

“O baile” de Alejandro Mosquera, en Queixas (Cerceda)

Alejandro Mosquera titulou “O baile” ao seu mural, localizado no centro social de Queixas, no termo municipal de Cerceda. Precisamente, a creación sitúa o foco nesta forma de expresión artística como símbolo de xuntanza e comunidade, xogando coas liñas e os ángulos da arquitectura do edificio.

Scroll to Top