O Viveiro de Empresas de Cerceda acolleu onte a primeira sesión de traballo da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero da Mancomunidade de Ordes, constituída o pasado 30 de abril.
Nesta xornada inicial estiveron presentes a Xefa da Unidade Contra a Violencia sobre a muller da Subdelegación do Goberno da Coruña, Manuela Vilaboy Romero, e a concelleira de Benestar Social e Igualdade de Cerceda, Catrina Queijo García, xunto con máis de trinta profesionais de diferentes ámbitos da Comarca de Ordes.
Deste xeito, a principal actuación levada a cabo nesta primeira xornada consistiu na constitución dos grupos de traballo da MLC, os cales quedan conformados do seguinte xeito:
- Ámbito educativo: CEIP Campomaior, CEIP ADR Castelao, IES Maruxa Mallo, IES de Ordes, CEIP Mesón do Vento e CPI Viaño Pequeno
- Ámbito social: Centro de Información á Muller da Mancomunidade de Ordes e Servizos Sociais Comunitarios de Oroso, Ordes, Tordoia.
- Ámbito sanitario: Unidade de Saúde Mental de Ordes e Centro de Saúde de Ordes e Oroso.
Logo da abordaxe da organización e funcionamento dos propios grupos de traballo analizouse a implantación/adaptación aos recursos existentes na comarca de Ordes do Protocolo de Coordinación e Cooperación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero en Galicia.
A próxima reunión quedou fixada para o mes de outubro, aínda que durante os próximos meses as persoas integradas nestes grupos seguirán traballando para avanzar na resolución de necesidades e na definición das propostas realizadas.
A través destes grupos búscase consolidar e ampliar as redes de traballo existentes na actualidade e crear novas vías de colaboración.