- O evento foi presentado esta mañá na casa consistorial de Tordoia, nun acto no que interviñeron a presidenta da Mancomunidade, Susana García; o delegado provincial da FEGATRI, Gustavo Álvarez; representantes do goberno local e o xerente da Academia de Turismo, Manuel Pan.
- A proba, derradeira do Circuíto Galego de Dúatlon Cros, discorrerá principalmente por Tordoia e terá puntuación dobre.
- Inscricións ata o 13 de decembro, inclusive, na seguinte ligazón: https://bit.ly/3h9ebEK
A Mancomunidade de Ordes reafirma a súa aposta polo deporte e polo fomento da comarca a través da celebración o vindeiro 17 de decembro do I Duatlón de Nadal Terras de Ordes.
O evento, promovido pola Mancomunidade co apoio da Deputación da Coruña, está organizado en colaboración co Club AD Fogar da Xuventude e a Federación Galega de Tríatlon.
A casa do concello de Tordoia acolleu esta mañá a presentación da competición nun acto que contou coa participación da presidenta da Mancomunidade, Susana García; o delegado provincial da FEGATRI, Gustavo Álvarez; o alcalde local, Antonio Pereiro, a edil de Cultura e Deporte, María del Mar García e o xerente da Academia de Turismo, Manuel Pan.
Durante a presentación, a presidenta, Susana García remarcou o compromiso da Mancomunidade por “promover a través destas iniciativas o fantástico patrimonio paisaxístico da comarca”.
A proba terá o punto de saída e transición nas proximidades da piscina municipal de Tordoia, e desenvolverase a través de dúas quendas. As persoas participantes nas categorías menores sairán ás 9:45 horas, mentres que a saída da proba absoluta farano ás 11:50 horas.
Os deportistas da proba absoluta realizarán un circuíto de carreira a pé de 6 quilómetros repartidos en 2 voltas, a continuación 18 km de BTT en 2 voltas e para rematar, unha volta de 3 quilómetros de carreira a pé. Pola súa parte, os menores realizarán a metade de destas distancias.
Dita proba será a derradeira do Circuíto Galego de Dúatlon Cros e terá puntuación dobre.
O percorrido da proba discorrerá na súa maior parte por unha das rutas de sendeirismo e BTT do Concello de Tordoia, polo que todas as persoas participantes poderán gozar da espectacular contorna natural da zona e terán vistas ao encoro de Vilagudín en varios puntos.
As persoas que desexen participar na proba poderán realizar a súa inscrición, previo pagamento das taxas correspondentes a través da seguinte ligazón: https://bit.ly/3h9ebEK