- As sesións desenvolveranse os días 9 e 16 de novembro no Museo do Traxe Juan José Linares, no Concello de Ordes, en horario de 10:00 a 14:00 horas.
- As persoas interesadas poderán anotarse nesta ligazón.
A Mancomunidade de Ordes acollerá os días 9 e 16 de novembro dúas sesións enmarcadas na “Mesa Local e Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero”, promovida pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia.
A formación servirá para adquirir coñecementos, e tamén para impulsar a creación dun espazo de coordinación dos recursos e axentes implicados na loita contra a violencia de xénero na comarca de Ordes.
Está aberta á participación de persoal da administración, da Mancomunidade de Ordes e os sete concellos que a integran, das forzas e corpos de seguridade, Policía Local e Garda Civil, e do ámbito xudicial. A Mancomunidade de Ordes convida a todo este persoal a participar nas dúas sesións formativas, que se organizan no marco do acordo de colaboración asinado entre o Servicio Galego de Igualdade da Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias de Galicia.
Ambas sesións formativas terán lugar no Museo do Traxe Juan José Linares, no Concello de Ordes, os xoves 9 e 16 de novembro en horario de 10:00 a 14:00 horas.