Os concellos da Mancomunidade encheranse de cor cunha nova edición do DesOrdes Creativas

O DesOrdes Creativas segue a estenderse por todo o territorio da comarca de Ordes para reforzar o valor e o potencial desta zona como principal destino mural de Galicia. Nesta segunda edición da cita, o enorme patrimonio artístico da comarca verase incrementado con tres novos traballos que se realizarán nos diferentes concellos da Mancomunidade de Ordes. A iniciativa incluirá, así mesmo, a realización de tres rutas con diversos centros educativos e a creación dun amplo folleto informativo do proxecto global.

Baixo o comisariado e a dirección do estudo Mutante Creativo, creadores e directores do DesOrdes Creativas, varios artistas serán os encargados de realizar as intervencións artísticas. Nesta ocasión, os murais faranse nos concellos de Tordoia, Trazo e Cerceda durante os meses de setembro e outubro. Os artistas participantes serán Twee Muizen, que plasmará a súa obra no centro social de Chaián (Trazo), Sekone, que fará o propio en Cerceda, e os propios Mutante Creativo, que encherán de cor o Centro do Maior de Tordoia.

O DesOrdes Creativas está impulsado pola Mancomunidade de Ordes, pola Deputación da Coruña e polo estudo Mutante Creativo.

Scroll to Top