- O evento, organizado pola Deputación da Coruña, terá lugar ás 17:00 horas no Museo do Traxe Juanjo Linares de Ordes, con entrada libre ata completar aforo
Os faladoiros sobre xénero e saúde mental As discordantes, organizados pola Deputación da Coruña, chegarán á Mancomunidade de Ordes no mes de febreiro, cunha sesión o martes 18, ás 17:00 horas, no Museo do Traxe Juanjo Linares, no concello de Ordes. O evento, de balde, terá admisión libre ata completar aforo.
O ciclo As discordantes configúrase como un espazo de debate e reflexión arredor da saúde mental e o xénero para achegar estes temas á cidadanía. As representacións que destes temas se fan no ámbito cultural non axudan á hora de amosar as realidades que hai detrás dun diagnóstico de patoloxía mental, e máis no caso de ser muller.
Deste xeito, o obxectivo dos faladoiros, que contan coas voces da escritora Antía Yáñez, a xornalista e integrante de Xornalistas Galegas, Ana González Liste, e a médica, psiquiatra e divulgadora científica, Iria Veiga, é ofrecer un ámbito de información e escoita activa ás persoas asistentes, sen caer nos maniqueísmos nin na estigmatización, e achegando a saúde mental á sociedade dende unha perspectiva interdisciplinar.
Durante o evento, as relatoras, cun toque de humor, ofrecerán as súas visións e experiencias sobre a saúde mental no ámbito da literatura, a comunicación e a saúde, debatendo sobre as representacións deste conxunto de doenzas no ámbito cultural e da perspectiva de xénero destas.
As discordantes, organizado pola Deputación da Coruña, percorrerá sete vilas da provincia entre finais do 2024 e comezos de 2025, grazas á colaboración dos concellos da Laracha, A Pobra do Caramiñal, Arzúa, Betanzos, Ordes, Vimianzo e Zas.
Para máis información poden contactar co CIM da Mancomunidade de Ordes (Alfonso Senra, 106, 2º A, 15680 Ordes, A Coruña; 981682108; cim@mancomunidadeordes.gal).