Presentación do proxecto”TURISMO DA COMARCA DE ORDES”
- 16 Decembro, 2020
- 6:38 p.m.
- Mancomunidade
Queremos poñer no teu coñecemento que a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ordes, organismo que trata de sumar sinerxías entre os Concellos de Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo, está poñendo en marcha un proxecto de definición conxunta do que ten que ser a estratexia turística da comarca nos vindeiros anos, xa que é de interese común de todos os concellos e do sector empresarial analizar todos os aspectos que nos leven a unha mellora da economía e da creación de emprego na comarca.
Para sermos un destino competitivo precisamos ter un plan estratéxico consensuado entre o sector público e o sector privado, un plan que nos sirva para mellorar a difusión dos nosos recursos e traballar en rede. Temos un riquísimo patrimonio, historia, medio natural e gastronomía que podemos e debemos pór en valor. Témonos que preparar agora, para ser máis competitivos unha vez que pase esta pandemia, aproveitar ao máximo a proximidade ao primeiro destino turístico de Galicia que é Santiago, máxime tendo en conta os Anos Santos de 2021 e 2027, sendo un destino rural, familiar e seguro.
Por ese motivo, queremos facer un chamamento a todas aquelas persoas, empresas ou entidades que realicen ou teñan intención de realizar calquera acción relacionada co sector turístico, que se poñan en contacto coa Mancomunidade xa que é un dos obxectivos principais do proxecto coñecer todo o que se está a facer na comarca e que poida ser de interese para as persoas que nos queiran visitar.
Entre as accións previstas están a posta en marcha dun innovador sistema de venda cruzada entre aloxamentos e empresas de ocio, tamén realizaremos tres cursos de formación de grande interese:
- Atención á clientela por whatsapp business. Impartido por Alberto Falcón.
- Impactic. Internet para a miña empresa, paso a paso. Impartido por Manuel Pan.
- Preparación de produtos do campo para a súa venda. Impartido por Miguel Silvarredonda.
Estas e outras accións serán postas en marcha nas vindeiras semanas coa idea de axudar ás empresas da nosa comarca a tentar prepararse para a nova realidade empresarial. Tanto a Mancomunidade como a Deputación da Coruña, que apoia este proxecto, queren animar a todas as empresas e entidades da comarca a aproveitar esta oportunidade.
En Rede é mellor, participa.