Preto de 100 persoas participarán no VII Raid Odiseo Terras de Ordes, que pasará pola Mancomunidade

Preto de 100 persoas percorrerán mañá, sábado 12 de outubro, unha parte do territorio da Mancomunidade de Ordes. En concreto, discorrerán polos concellos de Ordes e Oroso a través do VII Raid Odiseo Terras de Ordes. A proba, puntuable para a Liga Galega de Raids de Orientación, contará cunha trintena de equipos procedentes de toda Galicia, doutras comunidades como Asturias e tamén de países como Portugal.

O evento está organizado pola Mancomunidade de Ordes e o Club Seo, que contan co apoio da Deputación da Coruña. Con este tipo de iniciativas, a Mancomunidade continúa reafirmando a súa aposta por dar a coñecer o territorio promovendo, iso si, un turismo sostible e en contacto coa natureza.

Durante o Raid Odiseo, os equipos participantes deberán cubrir un extenso percorrido valéndose, unicamente, de mapas e dun compás. Isto é, terán restrinxido o uso de teléfonos móbiles e dispositivos de xeolocalización.

A proba conta con varias categorías. Por un lado, na 3.0 os equipos terán que cubrir unha distancia de 97 km nun tempo máximo de 12 horas. Polo outro, na 2+1 a distancia será a mesma, estando dirixida a equipos aventura masculino e aventura mixto. Por último, a OrientaRaid terá un percorrido de 57 km a concluír en, como máximo, seis horas.

O evento arrincará mañá, ás 7.30 horas, coas verificacións. Ás 9.00 horas será a saída dos equipos de elite e ás 14.00 horas a dos de iniciación. Tendo en conta os tempos fixados pola organización, os primeiros grupos chegarán á liña de meta ás 19.30 horas. O Raid concluirá coa entrega de premios aos equipos que obtiveran mellores resultados. Esta será ás 21.30 horas no Campo da Feira de Ordes.

Scroll to Top