VII Raid Odiseo 2024 Terras de Ordes

Parte do territorio da Mancomunidade de Ordes será, en outubro, escenario do VII Raid Odiseo 2024 Terras de Ordes. A proba, puntuable para a Liga Galega de Raids de Orientación, disputarase o sábado, 12 de outubro, coa previsión de reunir a un centenar de equipos. A presidenta da Mancomunidade, Susana García, o alcalde de Ordes, José Luis Martínez, Rubén Carballo e José Ángel Morlán, do Club Seo, presentaron, esta mañá, a cita.

Durante o Raid Odiseo, os equipos participantes (compostos por tres persoas) deberán cubrir un extenso percorrido valéndose de mapas e un compás. Isto é, terán restrinxido o uso de teléfonos móbiles e dispositivos de xeolocalización durante o percorrido. As persoas participantes descoñecerán o itinerario da proba ata o propio día do Raid, tendo que superar, ademais, as dificultades naturais que se atopen ao seu paso e sen recibir axuda externa.

A proba conta con varias categorías. Por un lado, na 3.0 os equipos terán que cubrir unha distancia de 97 km nun tempo máximo de 12 horas. Polo outro, na 2+1 a distancia será a mesma, estando dirixida a equipos aventura masculino e aventura mixto. Por último, a OrientaRaid (de iniciación) terá un percorrido de 57 km a concluír en, como máximo, seis horas. Nesta última poderán anotarse menores de idade (ou que cheguen á maioría no 2024) de 16 ou 17 anos sempre que estean debidamente autorizados e vaian acompañados dunha persoa adulta con coñecemento en raids de competición. No resto de categorías só poderán tomar parte maiores de idade.

Ao longo da competición, as persoas participantes terán que realizar o percorrido correndo e en bicicleta, en función de cada etapa. O inicio e o peche serán no concello de Ordes e, ao remate, haberá unha entrega de premios para aquelas agrupacións que obtiveran un mellor resultado.

O raid pasará por Ordes e Oroso, converténdose esta proba nun exemplo máis da estratexia da Mancomunidade de Ordes por promover o turismo en contacto coa natureza no seu territorio.

As inscricións están xa abertas, e poden realizarse cubrindo o seguinte formulario en liña:

https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSfIopbI6VOMHQtH6ymg7g36Q8pJJlMYVSmFuYS-F8bQGcspTw/viewform?usp=send_form

 

A proba está organizada polo Club Seo en colaboración coa Mancomunidade de Ordes, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia.

 

Scroll to Top