A Xunta inicia a execución dunha senda peonil na estrada AC-542, entre Carral e Ordes, para reforzar a seguridade dos peregrinos

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar hoxe as obras de construción dunha senda peonil na estrada autonómica AC-542, entre Carral e Ordes.
Os traballos foron adxudicados á empresa Excavaciones y Obras Candal S.L por un importe de case 48.000 euros e contan cun prazo de execución de dous meses.
Dotarase dun itinerario peonil o tramo do Camiño Inglés que discorre pola estrada AC-542, desde  As  Travesas, en Carral, ata o seu desvío por un camiño local que conduce ao lugar de Hospital, en Mesía, onde existe un albergue.
A intervención ten como obxectivo aumentar a seguridade dos peóns, xa que na actualidade este traxecto percórrese pola beiravía, nunha zona cun tráfico elevado debido á actividade industrial da zona.
Estas obras enmárcanse no programa da Xunta para mellorar a seguridade viaria dos peregrinos ao seu paso por treitos dos Camiños de Santiago coincidentes coas estradas de titularidade autonómica.
Scroll to Top