O Concello sumouse en xaneiro do ano 2019 á iniciativa europea do Pacto de Alcaldes para o Clima e a Enerxía. Este reúne ás autoridades locais e rexionais que de forma voluntaria se comprometen a implantar os obxectivos de clima e enerxía da Unión Europea no seu territorio. Os asinantes teñen como obxectivo a redución das emisións de CO2 en polo menos un 40 % para 2030 e a aumentar a súa resiliencia aos impactos do cambio climático.
O Concello márcase o obxectivo de captar fondos europeos para financiar medidas como a substitución de luces LED ou o uso da biomasa en instalacións públicas pero tamén incentivar que a veciñanza perciba axudas para as obras privadas como as da envolvente térmica dos edificios (ventás e fachadas).
Accións xa realizadas
O documento resalta que ata o momento, entre 2010 e 2020, realizáronse accións que supoñen unha redución do 4,6%, polo que Ordes ten demostrado que é posible cumprir co obxectivo marcado.
Unha rede europea permanente de intercambio de información
O Pacto dos Alcaldes é unha ferramenta que pretende reunir aos alcaldes das cidades europeas nunha rede permanente de intercambio de información para a aplicación de boas prácticas a través da mellora da eficiencia enerxética no ámbito urbano, a redución das emisións de CO2 no ámbito territorial local e aumentar a resiliencia fronte ao cambio climático.
Financiamento para a redacción do PACES
Para a redacción do documento recibiuse o apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia e do FEDER “Unha forma de facer Europa”, que financiaron o 100% do custo deste.