Nunha das estremas do municipio de Ordes, compartido cos de Cerceda e Tordoia, emerxe o encoro de Vilagudín. A présa, construída a finais dos anos 70 do século pasado para refrixerar a antiga central térmica de Gorgullos, semella hoxe un pequeno mar azul rodeado de outeiros verdes.
Aínda que a paisaxe en si é motivo máis que suficiente para unha visita, esta paraxe ten moitas outras razóns que a fan especialmente atractiva. O encoro é dende hai anos un couto de pesca ao que acoden pescadores de toda España. Devecen por atraparen algunha das moitas troitas que se agochan nas augas máis profundas.
Ata aquí tamén se achegan numerosos amantes da ornitoloxía. Este é un lugar especial para pasar unha tarde cos prismáticos á man, observando as numerosas aves que migran cada ano, dende milleiros de quilómetros de distancia, ata este humidal interior.