Ademais de ser o concello máis poboado da comarca, Ordes é un municipio cun vizoso medio natural. É por iso que o sendeirismo é un bo xeito de coñecer esoutro concello máis rural e menos urbano. Para iso propoñemos dúas rutas diferentes. A primeira, coñecida como Ruta do Río Mercurín, parte do propio casco urbano (Paseo Fluvial Ramiro Recouso) . Neste espazo, moi utilizado pola veciñanza, comeza un periplo á beira do río, abrigados polas árbores de ribeira. Atoparemos muíños, hórreos e aldeas que van saíndo ao noso paso.
Outra alternativa é a Ruta Coñecida como de San Paio e Outeiro, que nos levará polas parroquias de Buscás e Poulo, percorrendo parte do Camiño Inglés e atopando dende igrexas románicas ata unha paisaxe que nos vai sorprendendo por un sinfín de matices verdes.