Na parroquia de Marzoa érguese a Casa Grande dos Somoza. A construción, que data do século XVIII, estivo vinculada nun primeiro momento á familia Suárez e posteriormente á dos Sánchez Somoza, de quen toma o nome. Parte da historia do municipio hai que buscala neste inmoble, abonde dicir que aparte do poder político e económico que acumularon algúns dos seus donos, aquí estivo o consistorio de Oroso durante un pequeno período de tempo (década dos 30 do século XX).
Cómpre salientar os dous escudos deste pazo e tamén o panteón familiar que a familia dos Somoza mandou construír a mediados do século XIX no adro igrexa parroquial de Marzoa.