PROGRAMA DE PREVENCIÓN PRIMARIA
Ata non hai moitos anos pensábase que o desenvolvemento infantil dependía unicamente da xenética, pero hoxe en día sabemos que a herdanza so é unha parte do que condiciona o desenvolvemento dos nenos e nenas porque outro dos factores determinantes é a aprendizaxe que se vai producindo cada día, especialmente na casa. É dicir, que as accións que un neno ou nena realice dependerán das capacidades das que xa dispoña xeneticamente pero tamén das oportunidades que se lle presenten para levalas a cabo, así como do xeito en que se interactúe con el e das respostas que reciba dos seus coidadores, sendo estes os axentes máis importantes no seu desenvolvemento.
Parécese a min… Non, máis a seu avó… No carácter é igualiño a ti… Non di nada pero eu tampouco o facía… Estas afirmacións que nos espertan moitas veces os/as máis pequenos/as so serán certas en parte, xa que, aparte do aspecto físico, que si virá condicionado xeneticamente, as súas capacidades psicomotrices, comunicativas, de relación, de atención etc estarán en función das súas características xenéticas pero tamén do que suceda ao seu redor. Por iso é importante saber que esperamos que faga, que é importante, que é menos importante e se temos algunha dúbida consultemos o pediatra para que nos poida asesorar.
- Que é importante que saiba sobre o desenvolvemento do/a meu fillo/a?
- Isto que fai preocúpame?
- Pode que esta forma que ten de camiñar non sexa moi habitual?
- Que pasa se non gatea?
- Non fala, pero é normal?
- Non camiña, xa camiñará… Non fala, xa o fará… Aínda non madurou…
Para responder a todas estas preguntas os pais e nais deben dispoñer de máis medios e máis coñecementos acerca do desenvolvemento infantil, saber que é un signo de alerta e cal non.
Os nenos e nenas teñen uns períodos críticos, uns tempos nos que é normal adquirir certas habilidades, e fóra destes tempos a adquisición será mais complicada. Con isto non quere dicir que todos o teñan que facer no mesmo mes para que estea ben, senón que todos os nenos e nenas para presentar un patrón de desenvolvemento óptimo deben cumprir os fitos evolutivos nas marxes de tempo estipuladas para a consecución destes.
Dende o servizo de Atención Temperá da Mancomunidade de Ordes elaboráronse unhas guías de orientación a familias para que estas poidan dispor de información contrastada e funcional para así actuar como medida de prevención de dificultades no desenvolvemento. A continuación poderán atopar estas guías en formatos para descargar.