Con A de comarca (2016)

‘Con A de comarca’, recoñecemento ao  labor das escritoras da Mancomunidade de Ordes

O proxecto baséase en entrevistas realizadas por xornalistas de distintos medios de comunicación a máis de media ducia de literatas da comarca

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes levará a cabo unha nova iniciativa baixo o título ‘Con A de comarca’, na que a creación literaria e o labor das mulleres no ámbito das letras serán os máximos protagonistas. Máis de media ducia de escritoras da comarca con obras publicadas en diversas editoriais serán entrevistadas por profesionais e figuras de recoñecida traxectoria no eido do xornalismo e dos medios de comunicación. O dito proxecto está desenvolvido conxuntamente polo CIM, o Servizo de Normalización Lingüística e o Departamento de Prensa. “A idea xurdiu o pasado mes en base á celebración do Día do Libro”, tal e como se explica por parte da organización. Entre outros obxectivos preténdese fomentar o hábito da lectura entre os veciños e veciñas, que poderán comprobar como xente que está ben preto deles e delas teñen moito que contar”.

Ao longo das vindeiras semanas todo o material acadado será colgado nas diversas páxinas web e redes sociais tanto da Mancomunidade como dos concellos que a compoñen. Os nomes propios das escritoras participantes son: Rosalía Morlán (Trazo), Tania Carro (Oroso), Estela Suárez (Oroso), Marisol Gándara (Ordes), integrantes do colectivo literario Historias de equipaje (Ordes), Mercedes Vega (Tordoia), Josefina García (Tordoia) e Begoña Picón (Tordoia).

Do eido do xornalismo teñen confirmada a súa participación as seguintes xornalistas: Paula Pájaro (Cadena Cope), Emma Araújo (La Voz de Galicia), Belén Regueira (Radio Galega), Olga Vilar (Radio Obradoiro), Ainhoa Apestegui (Cadena Ser), Marga Pazos (TVG), Raquel Ríos (RNE) e Fernanda Tabarés (V Televisión).

“O principal obxectivo é o de dar publicidade á contribución que fan as mulleres no ámbito literario. Con este traballo tamén lles queremos brindar a todas elas un merecido recoñecemento, á par que se incide na súa capacidade como creadoras e profesionais das letras galegas na súa maior parte”, tal e como explica Roberto Rey, presidente da Mancomunidade de Ordes.

 

Cartel da iniciativa

 

Evento en Facebook

 

Fotos e entrevistas

“Historias de equipaje” (con Raquel Ríos, de RNE) (6 de xuño)

O proxecto literario “Historias de equipaje” xurdiu na comunidade escolar do IES Maruxa Mallo. No curso de 4º da ESO un mestre de lingua e literatura galega propuxo ao seu alumnado, como actividade complementaria, que escribisen unha historia de temática libre. Este mestre seleccionou os mellores relatos para formar parte dun libro, o que supuxo o nacemento da Xeración Literaria As Casillas sen número. Este proxecto serviu de base para que parte do alumnado que nel participou tomara a iniciativa, e coa colaboración do mestre de lingua e literatura castelá, prepararon un segundo libro relacionado coas viaxes, tema central da biblioteca escolar nese curso académico. A idea inicial da publicación de  “Historias de Equipaje” foi, ademais, obter ingresos cos que financiar a viaxe de fin de curso, e neste caso foi o propio alumnado quen se encargou do proceso de edición, montaxe e publicación.

Foto 1

Foto 2

Foto 3

Vídeo entrevista

Marisol Gándara (con Fernanda Tabarés, de V televisión) (10 de xuño)

Marisol Gándara Sánchez, veciña de Ordes, naceu en Francia no ano 1981. Estudou Filoloxía Inglesa na Universidade de Santiago e un Máster en Tradución e Paratradución na Universidade de Vigo.

Ten varias publicacións e recibiu varios premios literarios, entre os que se pode destacar o 1º premio do XV Certame de Poesía Francisco Añón (2011), o 1º premio do XXV Premio Nacional de Poesía Xosé María Pérez Parallé (2012) (pola súa obra “Ata o corazón da mazá”, publicada pola Editorial Espiral Maior en 2013), o 1º Premio do Certame de Poesía da Universidade de Vigo (2012) e o Accésit do Premio de Poesía da Universidade de Vigo (2013).

Foto 1

Foto 2

Vídeo entrevista

Mari Vega (con Ainhoa Apestegui, da cadena SER) (13 de xuño)

Mari Vega Cerqueiro naceu na Pontepedra (Tordoia). Ten 54 anos. É técnica superior de Fotografía pola Escola de Artes e Superior de Deseño “Mestre Mateo” de Santiago, así como licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago. Na actualidade traballa como profesora de fotografía na Escola “Mestre Mateo”.  A propia autora recorda os seus inicios na fotografía con 12 anos de idade, de xeito autodidacta, cunha reportaxe sobre a inauguración do centro médico de Tordoia.

Publicou un estudo histórico e etnográfico sobre o oficio de lavar (“Lendas e imaxes das donas do río: as lavandeiras”), galardoado co Premio de investigación Xohana Torres do Concello de Santiago de Compostela en 1997, e publicado pola editorial A Nosa Terra en 2002. No ano 2006 publicou o conto xuvenil “O camiño a Tibiáns” (editorial Sotelo Blanco).

Foto 1

Foto 2

Vídeo entrevista

Josefina García (con Paula Pájaro, da COPE) (14 de xuño)

Josefina García Castro, veciña da Pontepedra (Tordoia), ten un libro de poemas editado polo concello de Tordoia, que deu a coñecer as composicións poéticas desta muller autodidacta que as recitaba en excursións do concello. Empezou a escribir hai aproximadamente 15 anos, a estrofa ‘O picho’, baseada na temática da natureza, fundamental na súa obra, aínda que tamén están presentes nela outros temas cotiáns. Poderiamos definila como unha muller auténtica á que a inspiración lle xorde en calquera momento, incluso de noite.

Foto 1

Foto 2

Vídeo entrevista

Begoña Picón (con Marga Pazos, da TVG) (28 de xuño)

Begoña Picón naceu en Santaia de Gorgullos (Tordoia) en 1972. É a responsable de Muller e Igualdade en Inditex, pero a faceta literaria veulle de sempre. Empurrada por unha amiga ao mundo da poesía, en 2009 publica con outros tres poetas “Latexos-Latidos”, escolma poética en galego e castelán. En 2011 ve a luz o seu primeiro poemario en solitario, “La verdad de la vida”. En 2015 aventúrase no mundo dos relatos, publicando “La estación del recuerdo”. Na actualidade está traballando nun novo proxecto, un libro de poemas en galego que se chamará “As pegadas dos meus pés”, no que Tordoia ten un papel importante.

Forma parte de Nómades do verso, un grupo de poetas que se xuntan todos os xoves para recitar e manter charlas literarias. Ademais, é moi coñecida polos seus xabóns artesanais.

Foto 1

Foto 2

Foto 3

Foto 4

Vídeo entrevista

Rosalía Morlán (con Belén Regueira, da Radio Galega) (28 de xuño)

Rosalía Morlán naceu en Trazo en 1959. Diplomada en enfermería (DUE), actualmente desempeña o cargo de supervisora de tarde-noite no Hospital de Conxo (CHUS), que compaxina co de profesora asociada na Facultade de Enfermería de Santiago. É ademais secretaria da Fundación Neira Vilas e dá charlas nos colexios para nenos e nenas de 3 a 14 anos.

Ten numerosas colaboracións poéticas en revistas e outras publicacións e recibiu varios premios, os máis recentes o Premio de poesía sobre la mar Brisa Marina, en 2011, e o Premio de poesía Hernán esquío, en 2012.

Publicou varios libros de poesía: “A coitada lúa” (2010), Mención de honra do Premio Arume de poesía en 2009, “Estrelas de azucre” (2012), “O castelo da rocha forte” (2014) e “Canta a lúa coas estrelas” (2015). Tamén publicou unha obra de teatro infantil, “O libro do mundo dos soños” e foi coautora de “O libro dos Reis Magos”, da Xunta de Galicia, publicado por Galaxia en 2012.

Foto 1

Foto 2

Foto 3

Foto 4

Vídeo entrevista

Tania Carro (con Emma Araújo, de La Voz de Galicia) (12 de xullo)

Tania Carro naceu en Oroso en 1992. Graduouse en Lingua e Literatura Españolas e actualmente está realizando o Mestrado en Profesorado de Secundaria e Bacharelato.

Comezou a súa andaina no mundo da escritura en 2004, cando con 12 anos iniciou “El tesoro oculto”, unha triloxía que narra as aventuras dunha rapaza que descobre un segredo turbio relacionado co pasado da súa familia, e que foi publicada no ano 2008. En 2010 publicouse a segunda parte. Na actualidade está inmersa na culminación da terceira parte.

En 2014 e 2015 recibiu o segundo premio na Gala da Cultura do Concello de Oroso dentro da categoría Xove Promesa da Cultura.

Foto 1

Vídeo entrevista

Estela Suárez (con Olga Vilar, de Radio Obradoiro) (12 de xullo)

Estela Suárez naceu en Oroso en 1988. É licenciada en Filoloxía Galega, está especializada en novas tecnoloxías aplicadas á educación e actualmente estuda o Grao en Pedagoxía, ademais do Mestrado en Profesorado de Educación Superior. Ten unha produtora, Seica Animación, que montou cunha amiga coa idea de crear produtos audiovisuais non convencionais.

Conta con varios premios de creación literaria, o primeiro xa en 1999, e tamén no sector do audiovisual (tres no último ano). A súa primeira obra publicada, “Non quero xogar ás agachadas coa lúa”, un conto infantil que escribira cando tiña 15 anos, foi publicado en 2015.

Foto 1

Vídeo entrevista

Non posúe subservizos.

Scroll to Top