Un dos templos relixiosos con máis devotos da comarca é a coñecida como capela de Santa Eufemia e San Mateo de Vilouchada, no municipio de Trazo. Non é para menos, xa hai máis dun século que o historiador Carré Aldao a bautizou como “a catedral da montaña”. Dende tempo inmemorial achéganse cada mes de setembro ata aquí romeiros (maioritariamente familias da contorna) para renderlle tributo aos seus santos e posteriormente xantar á sombra da fermosa carballeira que a rodea.
Aquí está tamén a chamada Fonte de Santa e A Pedra dos Cadrís, que cura reumatismos e esterilidades. Os viaxeiros que se acheguen atoparán algo máxico neste templo. Dende o outeiro no que está encravado pode divisarse parte da comarca de Ordes e da de Santiago.